Proxecto 60 aniversario

A asociación Cultural
“ Cántigas e Frores” nace en Lugo da unión
de dúas agrupacións corais,”Cantigas e Aturuxos”
e “Frores e Silveiras”, que á súa vez saíron
da disolución do “Orfeón Galego” dirixido
por Xoán Montes.
Estas dúas agrupacións
corais tiveron que parar a súa actividade por mor da guerra civil,
e en 1948 nunha reunión impulsada por Francisco Rivera Manso,
decídese a unión de ambas as dúas co nome de “Cántigas
e Frores”.
Máis adiante, alá
polos anos 70 a asociación enriquécese poñendo
en funcionamento as escolas e os grupos de danzas e de gaitas e percusión,
que seguen en funcionamento nos nosos días.
Son por tanto 60 anos de historia
dunha asociación que ten por finalidade principal o traballo
en prol do folklore galego e a dinamización da cultura lucense.
Para a celebración das
seis décadas de existencia de “Cántigas e Frores”,
estase traballando na organización dunha serie de actos especiais,
a maiores do traballo diario que se desenrola na asociación,
coas escolas de baile tradicional, gaita, percusión, acordeón,
solfexo, violín, canto e pandeireta e confección de traxes
tradicionais.
· Ciclo “Cántigas
cos nosos maiores”: Cántigas e Frores é unha asociación
que sempre tivo moi presente a sabedoría e a experiencia que
os nosos maiores pódennos brindar. Por esa razón, ten
feito unha grande cantidade de traballos de campo cos que o noso grupo
de baile nutre o seu repertorio. En homenaxe a toda esta xente, o noso
colectivo realizou varias actuacións nalgúns centros xeriátricos
da cidade e vilas próximas á capital, como son o caso
do Xeriátrico de Castro Ribeiras do Lea, Xeriátrico das
Gándaras, Xeriátrico de San Roque, etc.

· Homenaxe ó grupo
“Os Montes”. Realilzóuse o día 1 de Marzo
de 2008 no Salón Rexio do Circulo das Artes de Lugo, no que se
rendeu unha emotiva homenaxe a este Grupo de Gaitas, que amenizou todas
as festas de Lugo e arredores dende os anos 50, e conseguiron poñer
ós gaiteiros de Lugo na elite dos gaiteiros galegos, acadando
unha grande cantidade de premios e distincións. Tamén
“Cántigas” aproveitou a ocasión para solicitar
no Concello a concesión dunha rúa ou centro socio-cultural
co nome deste mítico grupo de gaiteiros.
· XXVI Curso de Cultura
Tradicional Galega. Celebrouse os días 20, 21 e 22 de marzo,
coincidindo coa Semana Santa. Nesta edición desenroláronse
aulas de Baile Tradicional (a cargo de Miguel Souto Ocampo), Gaita (a
cargo de Pablo Seoane), Percusión (a cargo de Miguel Anxo López
Buján “Chino”), Canto e Pandeireta (a cargo de Felisa
Segade) e Zanfona (a cargo de Germán Díaz). Éste
curso está avalado por 25 edicións ininterrompidas, contando
cunha media de 150 alumnos cada una. Os alumnos foron de moi diferentes
procedencias, como son Cantabria, Cataluña, Euskadi, Valencia,
Escocia, Portugal, Uruguay, entre outras.


· Organización
do 1º Festival de Escolas de Música e Baile Tradicional.
Celebróuse o domingo 27 de abril no Auditorio Gustavo Freire
de Lugo. Nesta primeira edición contóuse coa presencia
das escolas da Asociación Cultural “Peleriños”
de Sarria, as escolas da Asociación “Airiños do
Neira” de Baralla, e coas escolas pertencentes á nosa Asociación,
que neste curso constan de máis de 200 alumnos repartidos en
distintas especialidades, como son gaita, percusión tradicional,
baile tradicional, canto e pandeireta, violín e acordeón.

· “Enconros Corais”.
Estes encontros estiveron repartidos en dous concertos, ambos na Igrexa
de San Pedro da capital luguesa. O primeiro deles celebróuse
o domingo 4 de maio, contando como convidados o Coro do Hospital Xeral-Calde
e mailo Conxunto Vocal “Lugh”, ámbolos dous de Lugo.
O derradeiro encontro contou coa presenza do Grupo Vocal “Solo
Voces” de Lugo e mailo Coro Galego “Cantigas da Terra”
de A Coruña.
· “Xornadas de Cultura
Tradicional Galega”. Ciclo de conferencias que se repartíron
ó longo do mes de maio, celebrándose todas elas na sede
da Fundación Caixa Galicia de Lugo. Nestas conferencias e mesas
redondas tratáronse diferentes temas relacionados coa cultura
tradicional galega. A primeira das ponencias levouse a cabo o día
15 de maio, e estivo a cargo do artesán lugués Lis Latas
e o bailador Serxio Cobos, tendo por título “Tradición
e Innovación”. A segunda celebróuse o día
21 de maio co título “De cantar e de contar” ofrecida
polo músico lugués Antón Castro. E por ultimo,
pechando este ciclo, contouse coa presenza do investigador Javier Jurado,
falando sobre “O Mestre Vide. Un compositor Galego” levándose
a cabo o día 28 de Maio.


· Exposicións (CÁNTIGAS
60 ANOS):
1. Exposición fotográfica.
Queremos realizar unha exposición fotográfica na que se
amosarán as diversas etapas polas que pasou a asociación.
Para isto a contamos con un amplo arquivo fotográfico e de prensa,
no que se reflexa toda a historia, dende os primeiros anos coa coral
ata os nosos días.
2. Exposición de traxes tradicionais. Con ela queremos amosar
a riqueza e a variedade de pezas de roupa e traxes que utilizaban os
nosos predecesores, así como o xeito da confección dos
mesmos, a maneira de facer os tecidos, a colocación dos mesmos
e o uso de accesorios, sen esquecernos das diferencias que existían
xeográfica e socialmente .
3. Exposición de instrumentos
antigos. Estará a cargo do investigador e gaiteiro Pablo Carpintero.
Nesta mostra poderanse ver máis de 500 instrumentos que Pablo
foi recollendo por toda a xeografía galega. O emprazamento idóneo
para a mesma é a Igrexa de Santa María.
· Publicación do libro “CÁNTIGAS 60 ANOS”.
Feito polo actual Director Artístico de Cantigas e Frores, Bruno
Villamor, onde relata a historia da agrupación, dende a súa
fundación nos anos coarenta ata os nosos días. Esta historia
está contada dun xeito ameno e riguroso, recollendo unha morea
de comentarios e anécdotas de ex-compoñentes da asociación.
Tamén incorpora unha grande cantidade de imaxes de arquivo, que
amosan a evolución que sufriu o colectivo ó longo destes
60 anos.
· Ciclo “Cántigas
na rúa”. Serie de actuacións que a nosa asociación
levará a cabo os sábados dos meses de Xuño, Xullo
e Agosto polas prazas e rúas do casco histórico da cidade.
Temos a pretensión de dinamizar a vida cultural de Lugo, e intentar
que a música e baile tradicionais teñan unha grande presenza
no transcorrer citiá da cidade. Esto debería ser, ademáis,
un escaparate para a cidade, dada a morea de turistas que visitan a
nosa cidade nesas datas .
· VI Festival de Cultura
Tradicional San Froilán 2008. Sexto ano no que celebraremos un
festival internacional con grupos das distintas comunidades do esto
e de Portugal, que nos amosarán coas suas interpretacións
a variedade da Cultura existente na Península.
· Gravación dun
DVD. Levarase a cabo no mes de novembro, co obxectivo de deixar constancia
do xeito de amosar a Cultura Tradicional, e que se está a desenvolver
na actualidade ó través das actividades da Asociación.
Este é un punto importante entre os actos a desenvolver, xa que
moi poucas veces se deixa constancia gráfica e sonora das actividades
realizadas, quedando no esquecemento unha grande cantidade de traballo.
· Gala 60 Aniversario.
Neste evento xuntamos á maioría das persoas que ó
longo dos anos pasaron pola nosa asociación, xuntando deste xeito
distintas xeracións, vencelladas polo amor á cultura tradicional
galega, e á nosa asociación. Celebróuse o día
6 de setembro no Auditorio Gustavo Freire. Ó remate da mesma,
houbo unha cea conmemorativa do aniversario.