A Asociación Cultural "Cántigas e Frores", como celebración do seu aniversario, ven organizando dende 2018, a Feira do 48, con carácter anual, que recibe o seu nome do ano de nacemento da Asociación. Iniciouse coincidindo co 70º aniversario da súa fundación.
Cántigas e Frores, foi pioneira na provincia de Lugo na recuperación da cultura tradicional, realizando numerosos traballos de campo para a súa investigación e posta en valor. Tamén quixo ser pioneira na organización dunha feira na súa cidade natal, conmemorando as que se celebraban aló por 1948. Esta feira ten lugar na Praza Maior de Lugo nunha fin de semana próxima ao día 6 de setembro, data da súa fundación, co gallo de achegar á toda a cidadanía luguesa a riqueza e grandeza do patrimonio material e inmaterial de Galicia, reunindo nun só espazo a músicos, artesáns, bailadores e mestres de recoñecido prestixio, e co obxecto de dinamizar a participación de todo o tecido asociativo da provincia de Lugo vencellado á música e baile tradicionais.
A Feira do 48 pretende converter a Lugo no epicentro do mundo da cultura tradicional galega recibindo, ao longo das dúas xornadas, a visitantes de toda a xeografía galega, polo que se difunde nas redes sociais, nos principais medios de comunicación locais e de ámbito galego, e se elaboran carteis e programas de man que se distribúen en diferentes lugares representativos e achéganse a moitos colectivos.
A Asociación Cántigas e Frores ambienta a Praza Maior, entre outros elementos, cunha caseta do polbo, con xogos tradicionais como o xogo da rá, a chave, bolos tradicionais e moitos outros, así coma con postos de artesáns fabricantes de instrumentos (gaitas, percusión, ...) teceláns, elaboración de traxes tradicionais, ...
Ao longo das dúas xornadas disponse de casetas nas que os mellores artesáns de instrumentos e traxes tradicionais galegos amosan o seu bo facer; xunto cun posto adicado á propia asociación, Cántigas e Frores.
Un dos principais obxectivos da Feira do 48 é achegar o mundo da cultura tradicional aos máis cativos, incentivar a súa participación en actividades culturais, así como animalos a formar parte do tecido asociativo que mantén viva a nosa cultura. Para elo organízanse normalmente dous obradoiros:
- Obradoiros de iniciación á música e ao Baile Tradicional Galego
- Obradoiro de Xoguetes Musicais
Como en toda feira, contase cun pregoeiro vencellado ás disciplinas de Cántigas e Frores e á Cultura Tradicional Galega.
Disponse da presenza, ao longo de toda a feira, dos corpos de música e baile de Cántigas e Frores, amosando o nivel co que contan os membros da asociación, distribuídos en sete formacións diferentes, ofrecendo concertos e mostras de baile:
- Banda de Gaitas e Percusión Tradicional Galega
- Grupo de Baile Tradicional
- Grupo de Cantareiros
- Murga
- Coro Galego
- Grupo de Cantareiras
- Cuartetos Tradicionais de Gaitas
Ao peche de cada xornada, no templete da Praza Maior, ten lugar unha Ruada, na que os visitantes poden gozar da música de varios dos grupos salientables da música tradicional galega, de dentro e fora de Lugo, convidados por Cántigas para a ocasión.