FESTIVAL DE MÚSICA E
BAILE TRADICIONAIS "SAN FROILÁN"

A Asociación Cultural
“Cántigas e Fores” ven organizando dende o ano
2003 o “Festival de Cultura Tradicional San Froilán”,
que se celebra coincidindo coas festas de San Froilán, patrón
da cidade, no mes de outubro. Está patrocinado na súa
totalidade polo Concello de Lugo, estando a organización a
cargo desta Asociación.



As actuacións teñen lugar durante
todo o día en diferentes puntos da cidade. Pola mañá
coménzase cun pasarúas dende distintas prazas do centro,
xuntándose ó remate diante do Concello, onde ten lugar
unha recepción dos grupos pola Corporación Municipal.
Trala recepción faise unha pequena actuación na Praza
maior. En ocasións, a recepción tense trasladado ás
primeiras horas da tarde.
O
festival celébrase pola tarde nunha praza do casco histórico,
a Praza de Santa María, a carón da Catedral, nun esceario
cuberto cunha carpa para o público, por se San Froilán
non ten a ben enviar un bo tempo.
Xa estamos a traballar na vindeira
edición do mesmo, que tentaremos que sexa o derradeiro sábado
das Festas, se as autoridades nono impiden (se seguen patrocinando,
queremos dicir) e lles vai ben esta data.
O festival ten carácter
internacional, xa que tódolos anos temos convidado a grupos
de Portugal, aínda que o caracter inicial era estatal, participando
grupos das diferentes autonomías, sendo as mesmas diferentes
cada ano. Por suposto, tamén participamos nós, coa banda
de gaitas e o grupo de baile da asociación. Os grupos invitados
nas edicións que levamos, son os seguintes:

Festival de Música e
Baile Tradicionais San Froilán 2003
Andalucía: GRUPO MUNICIPAL
DE FOLCLORE “VIRGEN DEL MAR“ de (ALMERÍA).
Participaron 36 compoñentes.
Formación de máis de 50 anos. Basa tódalas súas
composicións na máis pura tradición da provincia
e da comunidade. Destacan as actuacións en Colombia, Exipto,
Israel, Marrocos, Gran Bretaña, Grecia, Hungría, Portugal,
Italia, Francia, Turquía, Rusia, México, Alemania, ademáis
de tódala xeografía española. É representante
oficial do Concello de Almería cunha media de 40 intervencións
ó ano. Leva a escola municipal de Folclore cuns 300 alumnos
anuais. Chega a realizar programas de ata dúas horas. Adica
moito traballo a festivales, cursos, congresos, publicacións
e outras actividades relacionadas co folclore nos ambitos local, nacional
e internacional.
Euskadi:
GRUPO DE DANZAS TRADICIONALES “UDABERRI”
(TOLOSA-GIPUZKOA). Participaron 26 compoñentes.
Grupo de danzas tradicionais nado en 1957. Comenza no mundo da investigación,
recuperación e mostra de danzas tradicionais, exibíndoas
en diversos festivais tanto españois como Europeos, destacando
paises como Holanda, Alemania, Irlanda, Checoslovaquia, etc. Crean
escolas e obradoiros de danzas vascas polas que pasan ata 250 alumnos
ó ano. Máis recentemente elaboran espectaculos integráis
de luz e son e con fusión con outras músicas (jazz)
e co teatro.
Asturias: ASOCIACIÓN DE FOLCLORE
“AZABACHE” (GIJÓN). Participaron 26 compoñentes.
Creada en 1990, conta con 45 membros. Interésase pola investigación
e difusión da cultura festiva tradicional asturiana. Ademáis
das presentacións de danzas e bailes, participan en exposicións,
imparten conferencias e fan publicacións sobre indumentaria,
instrumentos e outros elementos da etnografía e do folclore
asturianos. Ten participado en distintos festivais internacionais
percorrendo paises como Francia, Bélxica, Holanda e Alemania.
Teñen presentado mostras de folclore de ata dúas horas.
Aragón: ASOCIACIÓN CULTURAL
“CIUDAD DE LOS AMANTES” (TERUEL). Participaron
36 compoñentes.
Creada por un grupo de persoas cunha grande traxectoria na difusión
do folclore, centran o seu traballo na investigación do folclore
da súa provincia e no ensino do mesmo. Pola súa sede
pasan anualmente máis de 200 persoas. Participaron en numerosos
festivais dentro e fora de España, incluíndo paises
como Francia, Austria, Suiza, Bélxica, Italia e Portugal. Dende
1993 organizan o “Festival Folklórico de las Autonomías”,
de carácter internacional, na serra de Gudar.
Galicia: CENTRO CULTURAL “A PONTE
VELLA” (TEO-A CORUÑA). Participaron 40 compoñentes.
Centro creado en 1987, na actualidade conta con 60 compoñentes
repartidos en grupos de baile, gaita e pandeireta, alternan a laboura
de investigación polas vilas e aldeas galegas coa exhibición
de bailes e música dentro e fora da nosa autonomía.
Acadaron diversos premios de baile nas principais cidades galegas
nos últimos anos.
Festival de Música e
Baile Tradicionais San Froilán 2004
Canarias: AGRUPACIÓN FOLKLÓRICA
"ENTRE AMIGOS" (Gran Canaria). Participaron 34
compoñentes.
Esta agrupación nace no “Valle de Junámar”,
no termo municipal de Telde no ano 1987, baixo a dirección
do actual responsable da “Escuela Municipal de Folklore”
dese concello, Jesús Santana Marrero. Na actualidade o grupo
conta con 56 compoñentes con idades comprendidas entre os dezaseis
e os sesenta anos, divididos entre o grupo de baile e o de música.
Dentro dos seus obxectivos están a recuperación e conservación
dos valores culturais de Canarias.
Teñen diversos traballos discográficos adicados ó
folklore das illas, así como varios premios musicais. Durante
a súa traxectoria de mais de dezasete anos, participaron en
numerosas festas patronais, festivais, romarías e diversos
actos conmemorativos por tódalas illas do archipiélago
e tamén na península.
La Rioja: GRUPO DE DANZAS DE BRIONES.
Participaron 30 compoñentes.
Este grupo, aínda que inscrito oficialmente dende os anos setenta,
leva máis de cincuenta anos traballando no eido da cultura
tradicional da Rioxa. Nas actuacións divídense en dous
grupos: os homes danzan con paos e castañolas e, en ocasións,
fan castelos humáns; no das mulleres, danzan con castañolas,
panos e arcos.
Manteñen as danzas tradicionais de Briones e algunhas doutras
zonas da Rioxa. Actúan tanto na súa provincia coma no
resto do estado, destacando actuacións en Sevilla, Jaca e Tarragona.
Murcia: GRUPO DE COROS Y DANZAS “SANTIAGO
DE LA PEÑA” - LA BREVA. Participaron 35 compoñentes.
Fundado en 1981, ten intervido en numerosas celebracións promovidas
maiormente polas “Peñas Huertanas” e por institucións
oficiais da súa comunidade e concello. Dende o seu nacemento,
adícase a cuidar e fomenta-la cultura tradicional, así
como a investigar, recopilar e divulgar tódolos costumes da
súa comunidade. Teñen actuado principalmente en festivais,
casas rexionais murcianas en outras provincias, festas, e outros tipos
de actos por tódala xeografía peninsular (Granada, Murcia,
Albacete, Palencia, Ciudad Real, Galicia) así como fora de
España (Irlanda, Francia, Gran Bretaña, Portugal e Polonia).
Ofrecen un amplo repertorio que inclúe as danzas máis
representativas da súa comunidade: “parrandas, jotas,
malagueñas, seguidillas, fandangos y zánganos”.
Dispoñen ademais da “Escuela de Folklore La Breva”,
cunha canteira de máis de cen persoas.
Castela-León: ASOCIACIÓN
ETNOGRÁFICA "DON SANCHO" (Zamora). Participaron
27 compoñentes.
Fundada en 1994 os seus fins son: a recopilación e difusión
do folklore zamorán e a organización de actividades
relacionadas coa cultura tradicional. A asociación está
composta por trinta persoas que integran o Grupo Etnográfico,
na súa maioría estudiantes con gran coñecemento
dos costumes da súa terra.
Dispoñen tamén da “Escuela de Cultura Tradicional
DON SANCHO” con máis de douscentos compoñentes.
Na que se integran o “Aula de Baile Tradicional”, o “Aula
de Canto y Pandereta” e o “Grupo Infantil Etnográfico”.
A asociación é un colectivo que dende as súas
orixes ven loitando pola autenticidade e o purismo de tódolo
que interpreta, e ese é o camiño que seguen, e o campo
ó que adican o seu traballo. Tódalas pezas que interpretan
foron recollidas pola propia asociación e non se modificaron
de ningún xeito. Estes temas son orixinais e puramente tradicionais.
Organiza anualmente o “Festival Folklórico de Primavera”
en Zamora e ten participado en numerosos espectáculos e festivais
de folklore por tódala xeografía do estado e varios
países europeos.
Festival de Música e
Baile Tradicionais San Froilán 2005
Illas Baleares: GRUPO FOLKLÓRICO
DE ES CUBELLS (Ibiza). Participan 25 Compoñentes.
Grupo fundado en 1986. A maioría
dos seus membros proviñan do grupo “Aires de sa Talaia”,
de longa tradición que fixera actuacións no estranxeiro
dende 1954. Dende a súa fundación teñen actuado
nas distintas vilas de Ibiza, especialmente na de Es Cubells, na que
actúan frecuentemente e organizan actividades de recuperación
de tradicións, ente as que destacan “sitges de carbó
(carboeiras)” ou as “matanzas” eivisencas.
Durante os seus dezanove anos teñen
actuado por toda a xeografía peninsular, destacando actuacións
en Mallorca, Alacante, Menorca, Expo de Sevilla, Asturias, Barcelona,
Cáceres e Santarem (Portugal). Así mesmo, son socios
da "Federació de Colles de Ball i Cultura Popular
d’Eivissa i Formentera", dende 1998, por medio da que organizan,
entre outros, o “Festival Folclórico Mare Nostrum”
que ven realizándose dende hai tres años.
Aragón: CORRO D’ES BAILES
DE SAN CHUAN (Huesca). Participan 30 compoñentes.
En San Juan (Chuan) de Plan foron as
mulleres quen, nos anos setenta, tentaron de esperta-lo interese polas
tradicións que estaban a desaparecer. Este traballo de máis
de vinte anos deu seus froitos concretándose no Museo Etnográfico,
a serraría (La Sarra), o vello muíño (El Molín)
e o grupo folclórico en cuestión. Ademais, este é
un dos escasos lugares onde o aragonés segue a se-la lingua
común entre as xentes.
O grupo folclórico naceu grazas
ó entusiasmo dunhas cantas mulleres nos comezos dos anos setenta.
Na actualidade o “Corro d’es bailes” está
composto por máis de 40 persoas, o que supón unha cuarta
parte dos habitantes de San Juan, algo excepcional para calquera grupo
folclórico, polo que se pode dicir que non é un grupo,
senón “unha vila a que baila”.
Dous dos aspectos máis notables
do grupo son a riqueza no vestiario (algunhas pezas con máis
de douscentos anos) e a dos instrumentos musicais con que se acompañan
(na actualizade so existentes nos vales pirenaicos). Sen dúbida
é o conxunto de danzas o máis notable do que ten recuperado
o grupo, que ven a demostra-la riqueza do folclore aragonés
máis aló da exclusividade da “jota”. O “Corro
d’es bailes” participou en diversos festivais por toda
España, ademais das frecuentes actuacións por Aragón,
sur de Francia e as xiras por Holanda, a república ex-soviética
de Tadjikistán e por Eslovaquia.
Castela-A Mancha: ASOCIACIÓN
CULTURAL DE COROS Y DANZAS de ALCÁZAR DE SAN JUAN (Ciudad Real).
Participan 30 compoñentes.
Esta asociación emblemática
de Castela-A Mancha naceu nos anos 40. Dende entón, pasaron
centos de rapaces e maiores, reunindo un amplo repertorio de cancións
e bailes populares, coreografados ou non, que amosan o acervo cultural
musical manchego.
Froito do traballo de investigación
e selección de material son os miles de actuacións en
España e en países de Europa e América. Levan
máis de cinco décadas representando o folclore manchego
por todo o mundo. Ademais foron incorporando temas de danza e música
tradicionais de tódalas rexións do Estado. Son o grupo
titular, os grupos infantís e xuvenís, así como
a “Escuela de Folklore”, cos seus máis de 400 alumnos,
os que garanten a pervivencia dos costumes da súa terra.
Asturias: GRUPO DE BAILE LA FOLIXA
de Carreño (Asturias). Participan 20 compoñentes.
Este grupo provén da zona rural
do centro de Asturias, surxindo na década dos 80 polo interese
amosando por un grupo de xente nova na divulgación e estudio
da cultura asturiana. Destacan entre as súas actividades a
organización dun festival folclórico internacional anual,
que coincide co solsticio de verán, ou a escenificación
da “Ofrenda del Ramu” na faldra do Monte Areo, no concello
de Carreño.
La Folixa conta coa “Escuela de
Música Tradicional IROBA”, tendo ese nome na honra do
Monte Areo, necrópole tumularia (BIC) da zona. Presentan unha
indumentaria rica e variada con traxes das mariñas (pescadores),
da zona da montaña (manteos de Cangas de Narcea) e da zona
centro (saya de insertu).
Esta agrupación colabora coa Fundación Príncipe
de Asturias, participando activamente nos actos de entrega dos galardóns
dos Premios Príncipe de Asturias. Cabe destaca-la súa
presenza activa en festivais internacionais así como de índole
rexional en diversos puntos da xeografía española.

Festival de Música e
Baile Tradicionais San Froilán 2006
Extremadura: GRUPO
DE LA ASOCIACIÓN CULTURAL Y FOLKLÓRICA “TIERRA
DE BARROS” (Almendralejo-Badajoz).
Grupo fundado en 1966, centrando as súas
actividades na investigación, o ensino, organización
de actos populares e a difusión do folclore extremeños.
Teñen realizado tres grabacións discográficas,
mantendo asimesmo academias de folclore na cidade de Almendralejo,
con máis de 400 alumnos. Nos seus máis de 37 anos de
existencia, ten participado en numerosos festivais internacionais
por todo o mundo.
A Rioxa: GRUPO FOLKLÓRICO “CONTRADANZA”
(Logroño).
Agrupación fundada en 1983 coa
inquietude e os obxectivos do coñecemento e fomento do folclore
rioxano, resaltando a súa laboura na recuperación das
danzas, músicas e traxes esquencidos ou en desuso nalgunhas
vilas de A Rioxa. Tamén dispoñen de escolas de danza
distribuídas en diferentes barrios de Logroño, dun xeito
desinteresado. Destacan pola vistosidade dos seus bailes, nos que
empregan diferentes elementos trebellos.
Fora da Rioxa teñen actuado, entre
outros, na Expo 92 de Sevilla, Festival Internacional de Jaca, Festival
das Letras Galegas de Domaio, Festival Internacional de La Sierra
de Badajoz, etc.
Portugal: RANCHO FOLCLÓRICO
DE PONTE DA LIMA (Viana do Castelo).
Asociación fundada en 1960, con máis de 46 anos de experiencia
actuando por toda a xeografía peninsular e fóra desta.
É membro da federación de folclore Portugués.
Os obxectivos máis destacados son a recuperación e difusión
da música e bailes tradicionais portugueses. O grupo está
formado por máis de 80 persoas, destacando a variedade do instrumental
empregado nas súas actuacións. Nesta ocasión
participaran en torno a 50 membros do colectivo.

Festival de Música e
Baile Tradicionais San Froilán 2007
Portugal: RANCHO FOLCLÓRICO
E ETNOGRÁFICO “OS FRIELEIROS” (Estremadura).
Fundado o 6 de xaneiro de 1984, co nome e Grupo de Danças e
Cantares de Frielas. Ten a súa sé na parroquia de Frielas,
Concello de Lourés, Estremadura, Rexión Saloia en Portugal.
Está constituído por uns 45 membros entre músicos,
bailaríns e figurantes, e ten por obxectivo a investigación,
recollida, conservación e divulgación dos usos e costumes
da cultura do Concello de Loures.
Dispoñen dun amplo repertorio
e vestiario, ligados ós traballos e ás festas tradicionais.
Nas pezas de baile destacan as Carreirinhas, Igroxé, Saricoté,
Enleio, Leiteira, Murtinheira, Bailarito, Verdegaro, etc. Algunhas
destas son interpretacións que o pobo de Frielas deu ós
valses, polcas, mazurcas, etc., orixinais doutros países de
Europa, chegadas nos séculos XVIII e XIX.
Castela-A Mancha: ASOCIACIÓN
GRUPO FOLCLÓRICO DE HERENCIA (Ciudad Real).
Naceu polo ano 1960 e converteuse en
asociación en 1982. Ven desenvolvendo unha gran actividade
cultural levando os bailes de Herencia por toda a xeografía
nacional e internacional, así como organizando diversos festivais
internacionais. Destacan actuacións en Mónaco, Francia,
Portugal e Italia, entre as internacionais; e en Galicia, Aragón,
Asturias, Cataluña, Murcia, Andalucía, Madrid, Extremadura,
Castela-A Mancha, Castela-León, País Vasco Baleares,
entre as nacionais. Teñen acadado diferentes premios, sempre
no eido da Cultura Tradicional.
Os bailes do seu repertorio gardan a
súa autenticidade, tendo respectado os seus puntos orixinais,
música, cancións e cores do seu vestiario. Así
mesmo, manteñen viva a tradición por medio das súas
escolas de folclore, nas que se incorporan os nenos dende os catro
anos, e que inclúen disciplinas como baile, guitarra, laude
e bandurra.
Cantabria: GRUPO DE DANZAS “LA
ROBLEDA” (Cabezón de la Sal).
Nado en 1987 en Puente de San Miguel
cos obxectivos centrados na investigación, estudio, interpretación
e divulgación do folclore de Cantabria, así como espertar
o interese polo arte e as tradicións a tódolos espectadores
nas súas actuacións. Composto por uns 35 membros, o
seu ámbito de actuación cobre tanto a súa Comunidade
como o resto do Estado, destacando actuacións en Murcia, Málaga,
Ciudad Real, A Coruña, Cáceres, Asturias, Lugo, Álava,
Palencia, Tarragona, Sevilla, Burgos, Toledo, León, Zamora,
Menorca, A Rioxa, Pais Vasco e Zaragoza.
Puxeron en marcha a Escola Municipal
de Folclore do Concello de Reoción, impartindo as disciplinas
de baile, pandeireta, pito e tambor, gaita, rabel e canto montañés.
No seu repertorio atópanse os diferentes bailes existentes
na Comunidade Cántabra.

Festival de Música e
Baile Tradicionais San Froilán
2008
Castela-A Mancha: GRUPO
“LA ROMANA” DE MADRIGUERAS (Albacete).
O grupo de Coros e Danzas da Asociación
Cultural “La Romana” créase a principios dos anos
oitenta, concretamente no ano 1982 en Madrigueras, Albacete. esta
época comezan a traballar na recopilación de danzas,
traxes, cancions, costumes, en suma, todo o que comprende o rico e
variado patrimonio popular manchego.
No seu repertorio predominan; as jotas, manchegas, seguidillas, fandangos,
pastoreos e danzas pastoris, entre outros. En 1994, realizóu
unha gravación de cantos manchegos baixo o título de
“Manchuela mi Tierra”, e colabora con outros grupos nas
edicións sonoras que realiza a Excma. Diputación Provincial
de Albacete “Cantos por Navidad”, onde recollen temas
navideños coma panxoliñas, romances e “aguilanderas”.
Na Actualidade o grupo conta con catro modelos de traxes: O de Gala
ou Ceremonia, O de Faena ou Labranza (estes dous típicos de
Madrigueras), O de Serrano (típico, da Serra de Albacete e
O de Hellinero (típico da localidade de Hellín).
Portugal: “GRUPO ETNOGRÁFICO DE AREOSA”
(Viana Do Castelo)
O Grupo Etnográfico de
Areosa, fundado no ano 1966, é unha asociación que preserva
e divulga as tradicions, usos e costumes do pobo da rexión
de Viana a través dun numeroso grupo de xente nova que atopa
no folclore unha expresión actual e unha forma de vivir e sentir
de xeracións pasadas, comunicar os testimonios de identidade
rexional, a alegría da fraternidade e solidaridade universais.
Embaixador da cultura Portuguesa, nas súas tres décadas
de intensa actividade etnográfica e de animación cultural
ten recibido numerosas distincions a nivel nacional e internacional.
Murcia: “GRUPO FOLKLORICO VIRGEN
DEL CARMEN”. Peña Huertana “el Azahar”
(Beniajan, Murcia)
Este grupo nace no ano 1979, na pedanía
de Beniaján, ó amparo da Peña Huertana El Azahar,
coa idea de rescatar todo aquelo que ten relación cas vellas
costumes populares, como folklore, vestiario e gastronomía,
conservando todo o relacionado co folklore da Comunidade Murciana.
Está formado por uns 40 compoñentes,
repartidos entre danzantes, rondalla e coro. Ten representado á
Comunidade de Murcia en numerosos festivais internacionais de carácter
popular e benéfico, percorrendo toda a xeografía española
e distintos países, como Portugal e Italia.
O grupo conta con cinco tipos de vestiario representativos da Rexión
de Murcia, realizados todos eles por componentes do grupo e persoas
da súa “Peña” onde continúan o labor
de rescate dos traxes tradicionais. Ten o grupo un o grupo un repertorio
de 25 bailes entre xotas, malagueñas, parrandas, seguidillas
e boleros. Tamén interpreta a “misa huertana”.
Cada ano taén organiza a súa “Semana Cultural”
onde sobresae o folklore rexional e nacional, pero también
outras actividades, como os xogos típicos, debuxo e deporte.