Repertorio da Banda
de Gaitas
A Banda de Gaitas da Asociación
toma o seu repertorio principalmente de tres fontes:
- Por unha banda están os vellos gaiteiros
de Lugo que nos transmitiron ó longo dos anos directamente
as súas pezas, como por exemplo o Vals do Miro, recollida directamente
do mestre Miro da Pontenova ou a Muiñeira de Piornedo, aprendida
de Hermes da Fonsagrada.
- Por outra banda están as pezas tomadas
dos cancioneiros, como por exemplo a Marcha Procesional de Poio do
cancioneiro de Bal e Gay ou a Muiñeira da Ponte Sampaio do
cancioneiro de Inzenga.
- Tamén se interpretan pezas de compositores
contemporáneos como a Muiñeira de Visantoña de
Xesús Vaamonde ou Burriño de Pedro David Lamas Varela.
Tódalas pezas teñen que ser adaptadas
para seren interpretadas pola Banda de Gaitas. Os arranxos feitos
a estes temas empregan sempre, a diferencia doutras bandas, percusión
tradicional, xa que é variada dabondo e ofrece moitas posibilidades
para enriquece-la música da gaita, dándolle os matices
que a este instrumento, por ser de son contínuo, e non poder
varia-lo seu volume, non pode amosar.
O repertorio empregado en cada actuación
é elixido entre as máis de 40 pezas que se ensaian de
cotio, das máis de 80 distintas que ten interpretado a Banda
nos derradeiros anos. De todas elas destacan, por ser as que máis
repetimos, as seguintes:
- Xota para Sotelino
- Pasodoble de Sárdoma
- Fandango de Lagarón
- Chegaches Lola
- Pasodoble
- Xota de Boda
- Caraballeira Adiante
- Muiñeira de Visantoña
- Pasodoble de San Roque
- Loliña
- Xota para Ramiro
- Rumba de Vergara
- Xota de Xestoso do Lor
- Muiñeira da Grelada
- Muiñeira de Piornedo
- Sobresaínte
- A Farruquiña
- Burriño
- Marcha procesional de Poio
- María Manuela
Repertorio do Grupo de Baile
Nas derradeiras actuacións o Grupo
de Baile ten interpretado:
MUIÑEIRA DE CARBALLO
(A CORUÑA) - Música recollida en 1952, baile recollido
en 1999.
Esta muiñeira está recollida
nunha das comarcas con máis personalidade de Galicia, a comarca
de Bergantiños, no umbral da nomeada "Costa da Morte".
Os bailes desta comarca caracterízanse polo seu forte ritmo,
precisando un gran desgaste físico para a súa execución.
Consta este baile de tres partes, punto, descanso e volta.
MOLIÑEIRA DE ACIVO
(PEDRAFITA DO CEBREIRO, LUGO) - Música e baile recollidos en
1997.
Nesta zona da montaña luguesa, límite
coa provincia de León, a demoninación de "muiñeira"
trócase pola de "moliñeira". Nestes pobos
da montaña atopamos manifestacións etnográficas
que noutras zonas de Galicia desapareceron hai anos, esto débese
ó illados que se atopan debido o duro clima e ás malas
comunicacións que tiñan ata non fai moitos anos.
A música e o baile, como manifestacións
etnográficas adquiren aquí unhas características
propias, conservando o canto con pandeiro e pandeireta, e a forma
de marca-los puntos no baile demostran a súa antigüidade.
ESPARABÁN E XOTA DE TRASCASTRO
DO INCIO (O INCIO, LUGO) - Música e baile recollidos
en 1978.
Este baile consta de dúas partes, a
primeira é un "agarrado", denominación que
se lle dá a certos bailes importados de Centro Europa, que
se estenderon pola Península dende mediados do século
XIX que, aínda que na súa orixe eran bailes da nobreza,
o pobo adaptóu ó seu xeito de interpretar e sentir,
adquirindo características propias en cada zona. Estes bailes
chegaron a estar prohibidos pola Igrexa, por consideralos obscenos.
A segunda parte é unha xota, que é
o baile máis popular e extendido pola Península Ibérica.
Neste caso trátase dunha xota bailada en corro, o que nos indica
que a súa procedencia é moi antiga, remontándos
ás danzas de culto ós astros, evolucionando ó
longo do tempo ata adquirir as características desta Xota de
Trascastro.
MUIÑEIRA DE ALBEIRO (FRIOL,
LUGO) - Música e baile recollidos en 1994.
De melodía leda e moi marcada, esta
muiñeira ten todas as características propias deste
baile: balanceo de brazos, soltura nos puntos, cruces e corros. Neste
caso, o que a diferencia doutras é que en troques dun guía
que marca o principio e o remate, como é habitual na maioría
das muiñeiras e xotas en Galicia, é a primeira parella
de bailadores a que comenza os puntos.
XOTA E MUIÑEIRA DE XALLAS DE
CASTRÍZ (SANTA COMPA, A CORUÑA) - Música
e baile recollidos en 1996.
O Concello de Santa Comba atópase nunha
encrucillada de camiños, no centro dun triángulo que
ten os seus vértices en Fisterra, Santiago de Compostela e
A Coruña. É o centro natural dunha das comarcas máis
diferenciadas da provincia: "A Terra de Xallas".
Esta xota caracterízase no baile pola
estilización dos seus puntos, e na música pola forma
"valseada" do toque da pandeireta, así como polas
"vibracións" no xeito de cantar.
A muiñeira ten uns cambios moi vivos
nos puntos e moi rápidos de volta a punto.